Aberto o prazo para participar no Programa de Estudos
O Programa de Estudos en Man Común (PEMAN) Ruralidades, Feminismos e Comúns, é un espazo crítico de pensamento e acción, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación HISTAGRA, os sete grupos pertencentes a rede REVOLTA e o colectivo Montenoso, e conta cunha amplia rede de colaboradores. O PEMAN sitúase como un híbrido entre un grupo de investigación universitario ou un posgrao de estudos, partindo de Programas de Estudos Independentes impulsados por museos como o MACBA ou o Reina Sofía.
O obxectivo deste proxecto é habilitar un novo espazo de intercambio e produción de coñecementos, unha rede peer-to-peer promovida por distintos grupos de investigación, colectivos e institucións que se xuntan para colaborar na construción de novas narrativas que aborden os tres eixos epistémicos: comúns, ruralidades e feminismos.
A convocatoria de participantes está dirixida a persoas vencelladas con comunidades investigadoras, creativas, de montes veciñais que teñan interese na intersección de saberes derivados de campos como as universidades, museos, colectivos ou de espazos autoxestionados.
As/os participantes han de comprometerse a participar ao longo do ano nunha serie de sesións (unha vez ao mes) que se desenvolverán en diferentes localizacións, maioritariamente en Galicia. Os encontros desenvolveranse a modo de mesas redondas, derivas, seminarios, mapexos, etc. Ademais, as persoas que desexen participar deben comprometerse a traballar en común no propio Programa, definíndoo, xa que este configúrase como un propotipo dun espazo de investigación en común. Ademais de poder pensar os mecanismos de gobernanza do propio Programa, serán as/os propios participantes quen decidan que sesións se desenvolverán. Dispoñerán de recursos económicos para o desenvolvemento dunha acción, happening ou performance ao finalizar o curso.
O obxecto desta convocatoria é atopar persoas que poidan formar parte da comunidade activa de investigación-acción e involucrarse co Programa de Estudos, participando nas sesións que se desenvolvan, unhas en aberto e outras pechadas. Este dispositivo de pensamento e acción replica/traduce os mecanismos de xestión e gobernanza dos montes veciñais en man común, e pretende que os/as participantes sexan quen de autoxestionar o propio programa, garantindo unha boa gobernanza do mesmo, ao igual que as/os comuneira/os o fan cun monte veciñal.
Procúrase a participación de investigadoras/es, artistas, makers, comuneiras/os ou interesadas/os en xeral, que compartan estes dous obxectivos:
Repensar e tecer novas relatos en torno aos obxectos de estudo.
Prototipar un espazo de pensamento en mancomún.
COMO PARTICIPAR?
As/os candidatos interesadas/os en participar neste espazo de investigación deberán escribir a [email protected] indicando no asunto: Participación Programa Estudos e aportando a seguinte documentación:
– Biografía e breve currículum vitae.
– Carta de motivación, cunha extensión máxima de dúas páxinas.
Recibiranse solicitudes ata o (13 de maio) 21 de maio de 2016. As solicitudes serán valoradas por un xurado composto por membros da rede ReVOLTA e do colectivo Montenoso. Serán seleccionadas un máximo de 20 persoas. A decisión farase pública a través da web www.estudosenmancomun.gal o (20 de maio) 27 de maio.
Para obter máis información, [email protected]
O XURADO QUE SELECCIONARÁ AOS PARTICIPANTES SON
Membros da rede ReVOLTA:
Lourenzo Fernández Prieto, Emilio Carral Vilariño, Xoan Carmona Badía, María Jose Enriquez, Carmen Espido, Xoan Carlos Carreira, Eduardo Corbelle, María do Mar Pérez Fra, Xavier Simón, Teresa Rodriguez.
Membros de Montenoso:
Andrea Olmedo, Iñaki López, Alex F. Palicio, Vanesa Castro, Miriam Salgueiro.