A redescuberta dos comúns, tal e como ten observado por David Bollier, ten  implicado toda unha revolución en áreas tales como o coñecemento, a cultura, o  software, o urbanismo e outros moitos campos. Pero unha onde ten especial relevancia é no ámbito da xestión comunitaria da terra.
 
Na Europa Atlántica e Escandinavia, os baldíos portugueses, os montes veciñais en man común en Galicia ou os crofts escoceses son exemplos claros de comunidades con capacidade de manexo sustentable dun recurso. 
 
No noroeste da Península Ibérica, e concretamente en Galicia os montes veciñais en mancomún son unha manifestación máis dos comúns, que está sendo atravesada por múltiples factores, tales como o envellecemento da poboación, a ausencia de mulleres en cargos directivos ou outros procesos de acumulación por des posesión, como poden ser os derivados da especulación urbanística ou o da industria mineira.
Ante isto, é preciso crear novas estrutura, dispositivos, ferramentas que poidan xerar novas lecturas que axuden a dar pulo a estes comúns, por seren estes espazos de socialización que rachan co binomio público-privado. 
 
Neste proceso de revitalización dos comúns e de interconexión con outros saberes é polo que se impulsa un programa de Estudos destas características, que aborda tres eixos que se transversalizan e van da man, como son os propios comúns, as novas e vellas formas de vivir o medio rural e o feminismos, que nos permiten recuperar e vindicar como o persoal é político e como os afectos e coidados, que se dan nas comunidades, son un pé fundamental no engrenaxe dos comúns.
 
Para abordar estas cuestións é preciso tecer unha malla, ampla e dispersa na que transiten universidades, comunidades de montes, artistas, colectivos, museos e demais interesadas/os e ir construíndo novos lugares de encontro no que seguir facendo comúns. 

Aborda tres eixos que se transversalizan e van da man, como son os propios comúns, as novas e vellas formas de vivir o medio rural e o feminismos