Presentación do libro A través das marxes na libraría Couceiro
O libro colectivo A través das marxes. Entrelanzando comúns, ruralidades e feminismos vai ser presentado o venres 16 de marzo ás 19:30h. na libraría compostelá Couceiro. Esta obra é un debullar desexos, encontros, esforzos, aprendizaxes e conflitos que xorde como acción de peche do Programa de Estudos en Man Común (PEMAN) tras máis de ano e medio de traxecto. Este espazo experimental de escoita, produción e intercambio de coñecemento entrelaza os comúns, as ruralidades e os feminismos, cunha estrutura que traduce o goberno dos montes veciñais en man común a unha comunidade de aprendizaxe.
A presentación será realizada pola poeta e licenciada en xornalismos Lara Dopazo e por Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC. Ambos son coautores do libro xunto a máis de vinte persoas que contribuiron a co-crear este libro que foi editado por Bartlebooth, experimento editorial que traza cruces entre a arte, a arquitectura e pensamento crítico.
Nesta ligazón tedes máis información do libro http://bartlebooth.tictail.com/product/a-trav%C3%A9s-das-marxes