A memoria dos louceiros de Bamio e a impresión en 3D danse a man no Alg-a Lab
O sábado 25 de febreiro a partir das 17:00h. terá lugar no espazo independente de creación contemporánea Alga-Lab (Valladares, Vigo) unha Exposición-Obradoiro na que se abordarán as memorias dunha tradición cerámica coñecida a través de documentos históricos, arqueolóxicos e diversas testemuñas da parroquia de Bamio (Vilagarcía de Arousa); á vez a través deste encontro pensaremos en torno ás tecnoloxías e as propias destrezas humanas, polo que a impresión en 3D ocupará un lugar destacado na sesión.
Dende hai uns meses a Asociación de Mulleres Rurais de Bamio xunto a Beatriz Comendador, investigadora e profesora da Universidade de Vigo, levan traballando no proxecto Louceiros de Bamio, que procura atender á memoria oral compartida da parroquia de Bamio, e do barrio do Campanario ou Os Louceiros, dedicada á olería. A finais dos anos 40, os derradeiros louceiros de Bamio abandonaron o traballo do barro. Na actualidade non se conserva ningún forno adicado á fabricación de louza e a tradición perdeuse. Esta investigación híbrida, na que participan investigadores e veciñas da zona, sumase nesta ocasión o saber facer da comunidade situada en torno ao Alg-a Lab. Este espazo pioneiro en Galicia de creación independente atende principalmente a revolución dixital e ao cambio de paradigma que supón; como pode ser o efecto das impresións en 3D.
A xornada comezará cunha conversa con representantes da Asoc. Mulleres Rurais de Bamio e Beatriz Comendador, quen nos explicarán as memorias agochadas a través desta forma artesanal de facer a louza, así como o traballo que están impulsando de cara a recuperar a memoria desa terra. Dende a mañá estará instalada no Alg-a Lab unha exposición sobre o proxecto Louceiros de Bamio.
Posteriormente seguirá unha intervención de Samuel Otero residente de Alg-a Lab quen abordará a hibridación na técnica escultórica; o artesán e as novas técnicas de 3D, seguido dunha conversa con Eloi Mancebo, impulso de Feitura, con que falaremos sobre os usos que da a impresión 3D para mellorar a creación de pezas. A sesión contará cunha exposición efémera de traballos.
A través desta mestura de saberes e coñecementos e co obxectivo de ampliar a investigación a outras posibles persoas interesadas é polo que se abre esta Expo-Obradoiro que terá lugar na sede do Alg-a Lab o 25 de febreiro, co obxectivo de aquelar o espazo gustaríanos que se tes interese en participar nolo fixeras saber a través dun email a [email protected] (a selección farase por rigorosa orde de inscrición)
Esta sesión enmarcase dentro do Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Comúns e Feminismos que é un espazo crítico de pensamento e acción, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación HISTAGRA, os sete grupos pertencentes a rede REVOLTA e o colectivo Montenoso, e unha ampla rede de colaboradores, e conta con financiamento da prestixiosa Fundación Daniel & Nina Carasso.
O encontro é do resultado dunha convocatoria aberta á participación, na que xs participantes do Programa de Estudos seleccionaron un conxunto de 7 dinamizadorxs, podes ver o resultado e o resto das sesións nesta ligazón: http://estudosenmancomun.gal/resolucion-da-convocatoria-de-dinamizacion-de-modulos-do-peman/
Máis información do Proxecto Louceiros de Bamio
1 Comentarios