Violencia e Saúde das Mulleres no Yucatán
Dende a cidade de Mérida, Yucatán, o 9 de marzo do 2017, un día despois da celebración do recoñecido Día Internacional da Muller, que dende aquí reivindicamos tódolos días, celebrouse o conversatorio Violencia e Saúde das Mulleres no Yucatán. Retos e Dasafíos no Centro Peninsular en Humanidades e en Ciencias Sociais (CEPHCIS) da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM).
O encontro tivo lugar ás 5 da tarde no auditorio do Centro Peninsular, no antigo edificio Rendón Peniche, frente ao Museo dos Ferrocarrís da capital do estado. Chegamos moitas. Nós, dende a diáspora, démonos á tarefa de documentar o que alí pasou a partires da técnica do relatograma que, a nosa amiga Carla Boserman, espallou por todo o mundo co seu incrible traballo. Démonos á tarefa de compartir a experiencia que, en torno aos tres eixos de estudo deste programa -Comúns, Ruralidades e Feminismos-, estamos a vivir na emigración; de península a península.
A coordinadora do encontro, a recoñecida investigadora Fátima Flores Palacios, inaugurou a sesión e mediou as mesas, introducindo preguntas como "de que maneira nos involucramos?" e facendo un chamado á acción aos xóvenes. Fátima presentou a primeira das mesas sobre "naturalización da violencia" na que participaron Nayelli Torres, do colectivo Yucatán Feminicida; Adelaida Salas, da A.C. Nin unha Máis e o Observatorio Ciudadano Nacional de Feminicidio de Yucatán e Nancy Walker, de KóoKay Ciencia Social Alternativa A.C.
Nayelli comezou a súa charla coa proxección dunha das entrevistas dos estudos de caso rexistrados sobre feminicidio entre o 2008 e o 2016 en Yucatán; a experiencia de Karina, de 34 anos, contada polas súas veciñas.
As novas xeracións, xunto con Nayelli Torres, Pablo Rojas ou Efraín Tzuc do colectivo Yucatán Feminicida, veñen traballando duro e demostrando que é posible recoller esa herdanza que deixaron outras mestras, loitadoras e activistas, no territorio. Demostrando que non é posible facelo soas, senón entre todas. Agora, neste mes de marzo de 2017, están a presentar oficialmente resultados dos estudos de caso que foron rexistrando nestes longos anos, con tanta dureza e perseverancia. Podes revisar a información recabada na súa páxina web.
Algunhas das palabras de Nancy Walker resoaron na miña cabeza ao escoitar como ela mencionaba o caso das mulleres migrantes como "mulleres que cumplen ao cuñado e ao pobo, sexualmente falando" ou como existe un "subrexistro escondido nas comisarías das comunidades". Walker concluiu alentando a que sexamos solidarias e esixamos "coma se nos estivese a pasar" ou como diría a filósofa belga Vinciane Despret, temos que deixar(nos) afectar.
"Como é posible que haxa feminicidios que non se xulgan como homicidios?" "Que pasa cos recursos, onde están?". "Á muller lévana dun lugar a outro como pelota", comenta Adelaida Salas en relación ao nacemento do Observatorio Ciudadano Nacional de Feminicidio de Yucatán que tivo o seu xerme na cidade de Campeche.
A segunda mesa, adicada á "sáude sexual e reprodutiva", estivo mediada por Judith Ortega, especialista en saúde sexual, e Sandra Peniche da Unidade de Atención Sexolóxica e Educativa (UNASE). A pregunta inicial de Judith foi como actuar? O seu centro puxo á autoestima como valor fundamental e a súa búsqueda focalizada nunha "saúde para todas" atendendo aos saberes populares e a participación comunitaria. Sandra situounos nun panorama cotiá e experiencial contando por ela mesma e aquilo que vive, día a día, no seu espazo de traballo no que "a práctica médica deixa moitísimo que desexar", "é peor que se estivesemos nunha guerra".
A terceira e derradeira das mesas rematou cun repaso histórico moi emotivo sobre o Feminismo en Yucatán, "os retos e desafíos". Un encontro interxeneracional e experiencial mediado por Gina Villagómez da Unidade de Ciencias Sociais (CIRS) da Universidade Autónoma de Yucatán (UADY); María Herrera, directora do Instituto Municipal da Muller en Yucatán e "Marytere" Teresa Munguía, da Facultade de Ciencias Antropolóxicas da UADY. Elas falan por sí soas, coa sororidade lagardeana que mencionou Marytere; coa solidaridade entre todas estas maravillosas mulleres que resiste neste entorno patriarcal hexemónico.
Se queredes coñecer máis información sobre o traballo impulsado dende o proxecto de investigación liderado por Fátima Flores Palacios, Xénero e Representacións Sociais no CEPHCIS UNAM, visita: http://investigacion.cephcis.unam.mx/generoyrsociales/
Adela Vázquez Veiga @AdelaVV
Poden interesarche
-
“Das que viven no monte”: Éticas feministas desde Vincios
10 April, 2017