Somos a radio do Programa de Estudos en Mancomún: un espazo de aprendizaxe mancomunado, pousado sobre a intersección de tres fíos os Comúns as Ruralidades e os Feminismos. Cada mes, ofreceremos un cachiño das nosas sesións formativas a través de conversas coas persoas que as dinamizan e a rede de socixs e colaboradorxs do Programa de estudos.

Abaixo poderás atopar todos os nosos podcast, que subimos cunha pediodicidade mensual, unha vez finalizado cada un dos módulos.

Créditos: Lara Dopazo, Uxía Buciños e Olga Romasanta, comuneiras do PEMAN, levamos este espazo da man da coordinación do Programa. Agradecemos a cesión do tema do ambente sonoro a Bouba Pandereteiras mais a Beat.Downsing e a careta do Programa  a Iñaki de Montenoso.

Modulo I PEMAN: ERGOSFERA

Entrevista a Iago de Ergosfera na que falamos do seu módulo para o PEMAN, o pasado 26 de novembro, baixo o título “O que pode unha liña. Comúns, feminismos e ruralidades nas estradas-rúas galegas”. Tivemos un roteiro dende Friol ata a parroquia de Carballo, da man da súa Comunidade de Montes, e fixems un percurso polo trazado das estradas e o que hai as suas beiras. Esto foi o que nos contaron.

Pensar a(s) comunidades con Aldeas do Bogo

A segunda sesión do Programa de Estudos en Mancomún levounos ata Allariz. Alí nos atopamos con Celtia Traviesas e María José Fernández, que forman xuntas as Aldeas de Bogo. E con elas da man fomos pensando como é hoxe vivir no rural. Existen novos -fronte aos vellos- xeitos de vivir no rural? Poden convivir? Cales son os conflictos que atravesan as comunidades? Cales os seus beneficios e cales os seus inconvenientes? Disto nos falan Celtia Traviesas e María José Fernández, ou o que é o mesmo, Aldeas de Bogo.

Mulleres: protagonistas na resistencia ao franquismo

Conversa con Ana Cabana, investigadora de Histagra da USC, coa que abordamos o papel das mulleres na resistencia ao franquismo e na defensa dos comúns. A Sesión desenvolveuse no Teatro Principal de Santiago de Compostela baixo o título “Mulleres: protagonistas na resistencia ao franquismo”. Abordamos as distintas formas e metodoloxías de diverxencia rastrexadas na Galicia rural das primeiras décadas do réxime franquista e que configuran un marco de identidade colectiva recoñecible, coherente e protector dun xeito de vida propio. Esta resistencia silente, con voces e xestos que deixaron rastro, proba a conflitividade existente en Galicia durante estes anos e desvirtúa o estereotipo dunha contorna sometida e próxima ao réxime.