Maneiras de habitar Allariz nunha fin de semana para pensar…
O venres 9 de decembro de 2016, nun día soleado, fermoso e frío, chegamos ao camping Os Invernadeiros de Allariz, en Ourense, para reunírmonos as compañeiras do Programa de Estudos en Mancomún (PEMAN) e compartir unha sesión interna ao carón do lume, nun dos espazos da cafetería do camping que moi amablemente nos ofreceron os donos do negocio.
A previsión para co PEMAN era traballar unha ampla axenda que, finalmente, decidimos acotar para acadar os obxectivos prantexados. Chegamos animadas, ledas, cansas e con ganas de darlle. A sesión resultou produtiva e nela destacouse a importancia de manter este tipo de sesións internas como un previo ás sesións públicas que terán lugar cada mes en diversos lugares da Galiza. Tamén, e sobre todo, como espazo de convivencia nunha fin de semana máis longa.
Esa noite ceamos xuntas nun lugar moi especial que nos recomendou o noso compañeiro Roi, veciño de Allariz: a Casa Fandiño. Un espazo deses que cando vas a un pobo quixeras coñecer; o espazo perfecto para ese día no que todas estabamos emocionadas, con moitas ganas de compartir esa fin de semana e nese momento, logo dunhas horas de traballo, con moita fame. O restaurante conta cun espazo reformado no que non había lugar para nos sentar, así que preparáronnos unha mesa na parte antiga da casa, un museo da memoria no que ficamos tan a gusto que os sorrisos e as expresións “que marabilla”, “que chulo”, “que ben”, fixeron da cea un encontro único. Comemos tortilla, queixos, xamón, croquetas e zorza, acompañados dun bo viño e licores da terra.
Espertamos o sábado á mañá, felices e animadas, nas cabañas do camping. Algunhas comentabamos que era como estar de campamento, con moita ilusión, coma nenas. A noite pasada houbera algo de festa e baile nos bares do pobo; o día merecía celebración. Chegamos a Allariz para a sesión interna e para esperar ao resto das compañeiras e ós socios do PEMAN. Fomos chegando pouco a pouco ao Centro de Promoción Económica é puntuais, cara as 11, comezamos. Fran Quiroga presentou información básica sobre o programa nunha breve conversa para expór o camiño feito e o que queda por percorrer no PEMAN. Logo abrimos uns minutos para unha intervención polifónica das comuneiras -en base ás suás experiencias- e dos socios que nos acompañaban, que lanzaron preguntas como “que novas relacións xorden a partires dos novos encontros?” ou “como se fai tanxible, na praxe, tanta diversidade?”. As respostas foron xurdindo e fluindo nesa polifonía comuneira e ficaron abertas moitas cuestións, para seguir abordándoas e traballando nelas.
Unha pausa para un café a media mañá na fermosa cafetería do centro, supuxo unha recollida de enerxía e tempo para nos abrazar e para nos (re)coñecer. Nunha segunda volta iniciamos a dinámica Diálogo de Saberes, que merece un outro post nesta web, coa finalidade de resolver o propio diálogo cunhas dinámicas que funcionaron como retos ficticios e que nos uniron en diferentes grupos para tratar de resolver e xerar propostas a tres problemáticas: a escasa presenza de mulleres nas cooperativas agrarias; a petición da devolución do monte veciñal de Chá e a pesquisa dunha segunda vida para a escoliña do Vilar. Foron mesas de traballo, non só produtivas senón empáticas e afectivas onde houbo moita complicidade, e onde as nosas propias experiencias permitiron que compartísemos unha sesión amena na que as mediadoras fixeron un traballo de facilitación inmellorable; moi a gusto.
Chegou a hora do xantar, que ganas e que fame! Un momento para facer comunidade nun ambiente distendido onde sentármonos con persoas que non coñecemos, coa curiosidade e a emoción que isto entraña. Xuntámonos no restaurante do camping, onde nos acolleron de marabilla, cun boísimo alimento e o cariño e a atención das persoas traballadoras do lugar. Cada quen logo contaba, pola tarde, o xenial que fora a comida, que tantas cousas compartiron nas mesas e que boas persoas todas.
Pola tarde iniciamos coa sesión Pensar a(s) comunidade(s): O conflito entre novas e vellas maneiras de habitar o rural galego dinamizada polo colectivo nacente Aldeas de Bogo, conformado por María José Fernández e Celtia Traviesas. Un encontro que nos reuniu a unhas 50 persoas no auditorio do Fogar de Maiores de Allariz para escoitar a María Xosé e Celtia, dúas mulleres nacidas en A Pontenova (Lugo). Unha sesión aberta ao público que tivo como obxectivo establecer un diálogo entre as novas e as vellas maneiras de habitar o rural para entender se éste pode ser unha ferramenta de transformación.
Celtia dixo de María Xosé que tiña unha das mellores voces da Galiza, ámbalas dúas a teñen e ámbalas dúas emocionan cos seus relatos experienciais e coa súa intelixencia. Compartiron con nós que quixeron investigar o medio no que habitaban e que, ao mesmo tempo, lles habitaba a elas, pois é un procomún. Tamén quixeron reflexionar connosco sobre a xente que habita o rural, sobre a percura da comunidade e o rural como conceptos e realidades; sobre as comuneiras, sobre as mulleres.
Reflexionamos, entre todos, sobre os novos modelos de produción; sobre o interese da administración no abandono do rural; sobre a importancia de falar do rural dende tódolos eidos; sobre o papel das novas tecnoloxías; sobre o cambio no modelo de consumo para poder falar do cambio no modelo de produción, “pois o rural non é rural se non se producen alimentos nel” (María Xosé Fernández); sobre os traballos non monetarizados das mulleres; sobre a pertenza; sobre a memoria oral; sobre a axuda, a proximidade e as portas abertas das casas no rural; sobre a cidade, tamén.
“Claro que hai comunidade, como non vai existir? afirmaron rotundamente os amigos da Comunidade de Montes de Vincios.
Nesta sesión falaron elas, María Xosé e Celtia; falaron eles, os veciños de Bogo e falamos nós, os asistentes.
Comuneiras, habelas hailas.
AdelaVV
Tag:Allariz