“Das que viven no monte”: Éticas feministas desde Vincios
Levabamos desde o día anterior no Val Miñor e despois do Aquelarre de Sabias na Casa Colorida chegamos ao centro veciñal de Vincios para o obradoiro “Defender a terra, sustentar a vida. Éticas feministas desde Vincios”. Como colocar os coidados no centro para facer que as nosas vidas sexan máis plenas, para coñecer mellor a nosa historia e así pensarmos no futuro? Arredor desta pregunta xirou o quinto módulo do Programa de Estudos en Mancomún (PEMAN) que tivo lugar o pasado 18 de Marzo en Vincios, Gondomar, e durante o cal a Comunidade de Montes en Man Común, exerceu de anfitriona.
As compañeiras de Raias Traveseiras, colectivo adicado ao traballo de visibilización e denuncia das políticas migratorias, patriarcais e capitalistas, foron as encargadas de dinamizar a primeira parte deste módulo. Da man do ecofeminismo afondamos nas dimensións da crise social que atravesa natureza e persoas por igual e que se constrúe a partires da conceptualización dos corpos sexuados, invisibilizando os labores reprodutivos mais tamén produtivos desenvoltos polas mulleres.
Por que unha ética dos coidados? Que son os coidados? Falamos de que son actividades de xestión e mantemento das necesidades biolóxicas e emocionais das persoas que procuran mantelas en condicións saudables e cuxa satisfacción debera estar no centro dunha sociedade que persiga o benestar da poboación . O actual sistema de organización social, os nosos estilos de vida, baséanse polo xoeral nunha débeda de coidados, que contraemos cando unha terceira persoa, que pode vivir na outra punta do planeta. Esta encárgase de facer aquelo que non é asumido no propio coidado ou no coidado doutras persoas baixo a túa responsabilidade. Históricamente, a débeda de coidados prexudicou ás mulleres e sobre todo ás mulleres en situación de maior vulnerabilidade, que en moitos casos non teñen nin tiñan a posibilidade de facer unha escolla sobre se coidar ou non, sobre como ser coidada e como auto-coidarse.
Podemos aprender algo do papel que teñen os coidados na nosa sociedade comparándoo con outras culturas e lugares? Logo do visionado da peza El tanque (Documental. 17′. Quetzaltenango, Guatemala. Julio 2009), que recolle esceas cotiás onde mulleres guatemaltecas comparten anécdotas nun lavadoiro sobre as relacións coas parellas, o maltrato, o traballo infantil ou o papel que ten a celebración e a festa, falamos sobre as semellanzas e diferenzas qu
e atopamos no tratamento dos coidados nas nosa contorna próxima e no que entre-lemos no vídeo, malia sinalarse que hai que ter cautela ao tentar comparar realidades tan distintas e que no caso de Guatemala, non coñecemos a fondo. En xeral chama a atención como nas conversas do vídeo intúese unha normalización do maltrato dos homes cara ás mulleres, malia que o feito de que se fale abertamente sobre a violencia doméstica denota xa un certo grao de empoderamento das mulleres. Entre as semellanzas con Galicia, apúntase á coincidenci
a no tipo de espazo de socialización feminino: o lavadoiro e a naturalidade na crianza dos e das cativas. Ao fío deste debate, facemos un paréntese histórico e falamos de como o patriarcado levou a que a regra das mulleres fose vista como algo contaminante ou perigoso cando é unha mostra de fertilidade. A roupa con restos de regra non podía lavarse nos lavadoiros públicos de Galicia e as mulleres eran privadas de facer certas actividades cando a tiñan e de como elas se aproveitaban. Sobre este tema, recoméndase ler a .
Cal é a relación entre a crise dos coidados e a fenda rural-urbano en Galicia? A perspectiva da sustentabilidade da vida, ou ecofeminista, lévanos a entender o abandono do rural e a natureza como unha extensión máis da crise social de coidados, que esquece a nosa dependencia do estado do medioambiente e a calidade de vida das persoas ao noso arredor, dos comúns. Respecto deste tema xérase debate arredor da idea de que o discurso sobre os coidados aplicado ao estado do monte pode significar cousas totalmente opostas para unhas persoas e outras.
Deste xeito as demandas cara á multifuncionalidade do monte poden ser vistas como unha imposición “urbanita, de esquerdas ou ecoloxista” por parte das propietarias forestais, para as cales plantar eucaliptos é visto como un xeito de ter coidado o monte, de establecer unha continuidade coas xeracións pasadas traballando a terra.
Ademais, temos un debate sobre cales son as razóns de fondo para que o coidado das persoas maiores, dependentes, xa non estea ligado coas comunidades e que moitas persoas maiores opten por migrar á cidade ao perder autonomía. Pode entenderse esta tendencia como unha dimensión máis do desequilibrio entre as áreas rurais e urbanas en Galicia?
Recupera-lo monte, recupera-la historia do Val Miñor. No serán do día 18, Xosé Lois Vilar, namorado de Baiona, etnógrafo, arqueólogo e experto en microtoponimia ábrenos as portas ao Monte Veciñal en Man Común en Vincios. Comezamos o roteiro ao pé do Petroglifo de Armas de Auga da Laxe, o maior e mellor conservado petroglifo de armas de Europa e que data da época Calcolítica ou Idade do Bronce (1500-2000 AC); agora dentro dun proxecto de musealización. As 26 armas gravadas nesta mostra de arte rupestre son unha demostración de que o Val Miñor non estaba illado e que existían redes de intercambio de saberes e materiais, precisas para que as armas representadas no petroglifo puideran atoparse na época e zona. O petroglifo, a modo de panoplia, era tamén marca do dominio dun amplo territorio e até Barcelos non hai outro exemplar de dimensións semellantes.
A toponimia, di Xosé Lois, era o mellor localizador da antigüidade, porque describe os lugares. Os traballos de recollida de microtoponimia hoxe devólvenos a relación das comunidades co seu territorio, lendas e mitoloxía arredor dos lugares e culturas que habitaron nestes e que sobreviviron ás asimilacións culturais ao longo da historia. Tanto Tereixa Otero como Xosé Lois, que desenvolveron traballos de recollida de microtoponimia na zona fálannos do urxente de recoller este patrimonio vivo, só accesible hoxe nas memorias das xeracións maiores.
Achegarse á microtoponimia, evitar desertos patrimoniais. Coñece-la toponimia, parte do noso patrimonio inmaterial, sírvenos para coñece-las actividades económicas do pasado, o tipo de asentamento e relación con outros, os nomes de fundadores e personalidades locais salientables, os lindes das propiedades, a fauna e a flora ou os diferentes aproveitamentos do chan…Citando a obra de Edelmiro Bascuas López dinos Xosé Lois que podemos recuperar a historia común, indoeuropea, que explica que moitos grandes accidentes orográficos no continente compartan raíz: Tambre, Támesis…
Outros, como Gonzalo Navaza explícannos que o nome Galicia vén de Callaici, o nome que as tribos preromanas asentadas na área de Lobios-Entrimo se daban a si mesmas, e que significaba “os que viven no monte” e que logo os romanos adaptarían ao latín Gallaecia. Un referente do intento de difundir entre amplas capas sociais o valor da onomástica foi a colección O Moucho que editou Celso de Baión na posguerra (seudónimo do poeta Xosé María Álvarez Blázquez) na editorial Castrelos .
Repatrimonializar o monte: construír Vincios. Repasando microtoponimia recollida na área de Vincios dentro do Proxecto Cartografías Sensibles vemos que a abundancia dela fálanos do uso intensivo e variado que tiñan as terras antes do cambio da estrutura económica tradicional entre os anos 40 e 60. . Así, o topónimo Pico da bandeira sinalaría que os rapaces e rapazas, encargadas de levar a pacer o gando ó monte, chantaban unha bandeira no Alto do Penedo para que os adultos na aldea souberan que chegaran ben. A revalorización do patrimonio cultural é unha das liñas de traballo que a Comunidade de Montes de Vincios desenvolve no seu compromiso por darlle un uso multifuncional ao monte e así contribuír ao benestar da poboación. Alberto Covelo, presidente da Comunidade de Montes, explícanos como a través da combinación de usos de produción madeireira, de gandería extensiva, recreativas e de regulación ambiental, na área da Serra do Galiñeiro estase reconstruíndo a identidade da parroquia e asegurando o seu futuro, en comunidade.
Por Helena Martínez. Imaxes de Uxía Buciños.