• Galego
Tes algunha cuestión?
+34 881 814 439
[email protected]
  • Disfunción eréctil
Programa de Estudos en Mancomun Programa de Estudos en Mancomun
  • QUE
    • XENEALOXÍA
    • CADERNO DE DOCUMENTACIÓN COLECTIVA
  • QUEN
  • NOVAS
  • Radio
  • A Diáspora
  • A Botica
  • MEIGAS DENTRO!
  • COIDADO!
  • CONTACTO
  • Disfunción eréctil
  • QUE
    • XENEALOXÍA
    • CADERNO DE DOCUMENTACIÓN COLECTIVA
  • QUEN
  • NOVAS
  • Radio
  • A Diáspora
  • A Botica
  • MEIGAS DENTRO!
  • COIDADO!
  • CONTACTO
Register Login

Blog

Aquelarre colorido sobre o monte de Vincios

“No mesmo lugar do Arruido onde vive A Vella, está a Touba do Brión. Alí din que vivía María, Gharza da Noite, deusa provedora de alimentos. Estaba emparellada co Brión, un bufo real hoxe extinto no val e case en Galiza.”

Os paxaros da fachada da Casa Colorida déronos a benvida a este fogar dos coidados e no que nos sentimos na casa. Últimos preparativos para cea, para a que empregariamos os pratos do antigo hostal Anduriña, no que se creou este centro social autoxestionado. A asamblea interna da comuneiras foi no patio traseiro da casa, e a ela asistiron tamén membros da Colorida.  Falamos das próximas sesións, da acción final que porá fin a esta edición do PEMAN e dos distintos grupos nos que estamos a traballar. Despois fixéronnos un percorrido guiado polo espazo, onde entendemos de primeira man o proxecto.

Ademais do modelo organizativo (funcionan coma un laboratorio cidadán ó redor da cultura libre) amosáronnos o traballo que alí fan na Universidade Libre, o lab de proxectos, as residencias, a horta, o grupo de crianza… Fomentan o intercambio de saberes cunha unha moeda social para as actividades e unha tenda de roupa sen cartos que funciona por troco. Despois da visita e de instalármosnos, sentímonos coma habitantes da casa. E así baixamos ó salón de eventos onde  ía comezar a primeira actividade aberta do módulo: O Aquelarre de sabias.

 

Olga Romansanta, comuneira do Programa,  presentou esta sesión e a nosa invitada Tereixa Otero. Tereixa é feminista, espeleóloga, activista e licenciada en Historia, e tamén mestra de Secundaria. Forma parte do clube de espeleoloxía Maúxo que con outros axentes locais como o Instituto de Estudos Miñorans  e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios contribúe a conservar ese patrimonio material e inmaterial do Val Miñor. Este traballo está recollido no proxecto online impulsado por Joana Covelo e Iago Valverde Cartografías Sensibles. Tereixa encheunos coas súas historias, moitas delas recollidas nesta cartografía dixital, da que se valeu para avanzar no seu relato.

Transmitiunos a súa paixón polas pedras, polo monte, coas súas lendas e a orixe dos seus nomes, e polas persoas que os habitan. Como ela di, leva no sangue as dúas micas do granito que poboa os montes do Val Miñor. Descubriunos non so a vida segreda das pedras, tamén das mulleres que traballaban no monte. Cada Domingo os e as do Maúxo saen ó monte en busca de pedras e das súas lendas e portan as/os habitantes. Nestes anos algunhas apareceron esnaquizadas, algunha coma a pedra das procesións consérvanse polas tradición, pero non se documentan apropiadamente co que quedan a mercede do espolio e do rédito fácil dos que descoñecen, ou descoñecían, a súa valía. Mais son moitas as ameazas que se cernen sobre o monte: as industrias eólicas, as explotacións mineiras, as canteiras do Porriño que ameazan o Galiñeiro. Todas queren sacar rédito do monte e das materias primas.

Cortesía: Casa Colorida (creative commons)

Conta Tereixa que a xente de fora, coma uns alemáns doutro clube espeleolóxico que viñeron visitar os montes, quedan marabilladas/os coa riqueza que aquí atoparon, coma as covas de granito, que non calcáreas. Pero tamén un tanto asustadas/os polo descoidado que está este patrimonio pola administración pública. Un exemplo diso é a usurpación dos tafoni, que se atopan que calquera xardín e que en Europa non so están protexidos dende fai tempo, senón que son respectados coma bens comúns por persoas de todas as cores.

Ollando á Serra do Galiñeiro, esa montaña coa rocha afiada que preside o val, ten cariz de pedra sagrada. Preguntámonos que puido pasar para que desconectaramos tanto da terra e explica como a Galiza tradicional tamén pasou a guerra, a ditadura e a represión. Explica como as tradicións máis ancestrais non conviviron ben co Nacional Catolicismo, que inundou ós/ás habotantes destas terras de vergoña e odio de pertencer ó rural. E así fómonos aloxando das pedras, do monte, das lendas que daban nome a cada recuncho dos vales, dos regueiros e dos montes. Conta Tereixa que aquelas persoas que naceron no século XIX móstranse máis abertas a este patrimonio inmaterial, que as que viviron a posguerra.

Eran as persoas que vivían no monte comunal: nenos e nenas, os canteiros, e as mulleres da repoboación, as que portan ese patrimonio inmaterial. Non se contan os paseos coas namoradas/os no monte, dinche unha filla de tal, pero non te din que filla, porque hoxe ela é unha señora respectable. Descóbrese un mundo agochado no monte, onde os saberes- poderes das mulleres aínda lles pertencían e as pegadas do ancestral aínda eran frescas. O traballo de recollida de toponimia está vencellado ás lendas de mouros e mouras, de pedras sagradas, de muíños que asubían, as rochas afiadas que apuntan ó ceo, os debuxos das procesións gravados nas pedras. Mais eran tradicións que non eran compatíbeis co Nacional Catolicismo que acompañou a ditadura e que arraigou no rural galego.

Aproveitando os tempos que estaba a correr os conflitos e as rifas entre a veciñanza levaron a xente a facerse propietaria dos terreos de labranza, e o monte quedou para aquelas persoas que non tiñan terras. As mulleres ían ó gando, coas cabras, ovellas ou vacas. Nos anos 40-70 había moito gando polo monte adiante e moito sen rexistrar polo réxime que non pagaba impostos e que era o sustento dos e das que menos tiñan. A repoboación forestal fíxose por mulleres, señoras maiores da zona recordan ir plantar carballos a Chan de Mingos conta Tereixa. Non hai que esquecer que por unha peseta ó día, as mulleres ían a repoboación forestal, e cando chegaban á casa aínda tiñan que atender a dúas persoas maiores encamadas, catro fillos, darlle de comer ás pitas, recoller as patacas… A engrenaxe produtivo da terra estaba ben traballada, porque diso dependía o pan. No Val Miñor chegáronse a dar catro colleitas de centeo o ano, aquel muíño non debía parar de asubiar. E ese traballo de coidado e supervivencia era maiormente das mulleres, traballo que aínda hoxe está invisibilizado, como testemuña que ningunha delas estivese aquel día alí con nós. Aínda hoxe son os homes os que van ó monte buscar esas paraxes de nomes esquecidos. Namentres elas atesouran na súa memoria ese patrimonio inmaterial agochado na intimidade do seu fogar e que Tereixa loita por visibilizar facendo visitas ás horas nas que os coidados da vida non as teñen atarefadas.

As xentes miñoranas din que as pedras son cura, Tereixa contounos algunhas historias das pedras de Vincios. Din que fai anos había unha pedra chamada Igrexa da Piñeira, un monolito duns catorce metros de altura cun buraco no medio polo que as crianzas xogaban, tamén está o “aiunque” na cova coñecida coma a Casa do Demo onde os canteiros de Vincios tiñan unha fragua onde as crianzas  ían brincar de nenos. Soamente queda o recordo cachola dos vellos e vellas. Mais as pedras están vivas, medran e transpórtanse, lévanas as Mouras que viven no monte.

A figura da vella é a da moura, máis moza, é de grande importancia na mitoloxía galega, e ten as súas correspondencias noutras coma a gaélica, asturiana ou leonesa. Sabemos pola toponimia que a deidade feminina da Vella, tan importante para os/as habitantes do Galiñeiro, mora na montaña, nas covas, nos outeiros ou entre os penedos. Coñecíase por ser deusa da fertilidade e da metereoloxía. En Vincios cando a Vella fumega entre os penedos  é sinal de que ía ser un inverno frío, é A Vella que no entorno do Arruido prende lume entre as rochas porque vai chegando o frío. Tamén disque estando dúas vellas unha cortou o Arco da Vella polo pé e así se formou Cova da Trapa, preto de Bouzas.

No mesmo lugar do Arruido onde vive A Vella, está a Touba do Brión. Alí din que vivía María, Gharza da Noite, deusa provedora de alimentos. Estaba emparellada co Brión, un bufo real hoxe extinto no val e case en Galiza. Esta parella interespecie era bastante peculiar. O Brión chamaba á Gharza para que lle trouxera de comer, mentres el coidaba dos fillos a Garza ía a Baiona a buscar peixe para alimentar á prole. O “ghalo bo”, chamaba a Garza polo seu nome, María. O seu cantar escoitábase no val arrepiando ós/ás máis pequenos/as. Nestas historias as mulleres estaban ben presentes, e que os homes, coma o Brión que aínda que paxaro, tiñan tamén un papel importante nos dos coidados da vida. Todas quedamos fascinadas por estas historias de Vellas, de Garzas e parellas interespecie, que revela as pegadas dun orde anterior á colonización do rural que, entre outras moitas cousas, invisivilizou as mulleres e desposuíunas do seus saberes ancestrais e do recoñecemento na comunidade.

É entón, despois de vivir esta xornada, cando nos preguntamos pola pertinencia dos nosos obxectos de estudo, do noso traballo no Programa de Estudos en Man Común. Os feminismos reempoderarían estas comunidades rurais pero a ferida do patriarcado é tan fonda, que aínda que nós poñamos todo o empeño ás veces sentimos que non chegamos.  A realidade aplastante da invisibilización do traballo das mulleres e a súa ausencia na esfera pública déixanos baleiras. As nosas bisavoas, aboas, nais e tías que foron para nós modelos de sabedoría non senten que teñan o seu lugar na historia. Sen embargo as lendas e os contos si que din que houbo un tempo no que eran as guardianas dos segredos dos montes, dos alimentos e da vida. As fillas, netas e sobriñas temos os feminismos, pero tamén a maxia dos seus saberes coma ferramenta para loitar por, para e con elas. Mentres o relato do progreso é lineal, na nosa man, a man común, estamos a crear relatos novos non lineais, dende o feminismo, que sanen esta ferida patriarcal formando novos tecidos que medren cos pes ben fondos na terra.

Neste día tocáronse dúas realidades:  a do rural colonizado cos seus reductos, e as resistencias como as que se dan na CMVMC de Vincios ou  na Casa Colorida,  laboratorio cidadán comprometido coa cultura libre. Partindo de lugares distintos encóntranse en lugares comúns de loita. O conformismo non é para as xentes do Val Miñor. No PEMAN conviven esas resistencias coma convivimos durante a cea  onde comuneirxs, coloridxs e invitadxs compartimos alimentos que todxs aportamos. Mentres no comedor colectivo da casa respirábase expectación polo que nos agardaba ó día seguinte: o Obradoiro coas Raias Traveseiras e un roteiro dinamizado pola comunidade de montes de Vincios.

Por Carmen Platero e comuneirxs do PEMAN.

  • Tweet

Posts anteriores

Violencia e Saúde das Mulleres no Yucatán
21 March, 2017

Seguinte

"Das que viven no monte": Éticas feministas desde Vincios
10 April, 2017

Poden interesarche

  • Sobre a gobernanza dos bens comúns coa Fundación Entretantos
    23 May, 2017
  • Contraestereotipos rurais. Un relato da sesión con Silvia García.
    22 May, 2017
  • “Das que viven no monte”: Éticas feministas desde Vincios
    10 April, 2017

Deixa un comentario Cancel reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

Busca

Posts

  • Lara Dopazo Ruibal comuneira do PEMAN, nova bolseira da Academia de Roma
  • O libro A través das marxes entre os libros máis vendidos
  • Presentación do libro A través das marxes na libraría Berbiriana
  • Presentación do libro A través das marxes na libraría Couceiro
  • Ler o monte o sábado 13 en O Carballo Friol

Categorías

  • Blog
  • caderno
  • cidadanía
  • comunidade
  • comunidades
  • comúns
  • comúns
  • diáspora
  • diáspora
  • feminismos
  • man común
  • Meigas
  • módulos
  • o novo
  • participantes
  • relato
  • Resistencia
  • Saberes-poderes
  • Sen categoría
  • urbanismo

CONTACTO

info[at]estudosenmancomun.gal
881 814 439

SUBSCRÍBETE

LUGAR

Histagra. Facultade de Xeografía e Historia.
Praza da universidade S/N
Santiago de Compostela- 15782

REDES

O Programa está financiado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Daniel y Nina Carasso. É impulsado pola Rede Revolta de Agroecoloxía e coordinado por Montenoso. Este site web atópase rexistrado baixo unha licenza creative commons.